PATRIMONIO E CULTURA DA PARROQUIA DE AMOEDO
A parroquia de Amoedo conta cunha riqueza patrimonial moi destacable, pola súa calidade artística, histórica e paisaxística. Cabe mencionar os xacementos arqueolóxicos que se distribúen pola parroquia, contando con numerosos petróglifos, mámoas e castros.
A Senda Arqueolóxica de Amoedo conta con 13 quilómetros de percorrido distribuíndose polo Monte da Serra, Monte Buxel, o Val do Regueiriño ou a Bacía de Valongo. Tras anos de estudos sobre o potencial arqueolóxico de Amoedo deuse comezo a realización da Senda Arqueolóxica que hoxe se coñece.
Durante o percorrido arqueolóxico, pódense contemplar máis de 80 petróglifos e 18 mámoas como o petróglifo do Rego Novo , o petróglifo do Outeiro da Pía ou a Mámoa do Monte Buxel. Estes vestixios arqueolóxicos supoñen unha gran referencia patrimonial e histórica da zona, xa que as datacións destes sitúanse entre o Neolítico (8.000 – 6.000 a.C) , a Idade de Bronce (3.000 – 1200 a.C) e a Idade de Ferro (1.200 – 600/200 a.C).
Ademais, a parroquia conta cun patrimonio paisaxístico que lle outorga unha riqueza natural destacable.